
Catálogos

PRODUTORES DE SEMENTES E PLANTAS DE VIVEIROS
Este catálogo recolle os trámites necesarios para a constitución e posta en marcha das iniciativas empresariais relacionadas cos negocios de produción de sementes e plantas de viveiro.
As persoas produtoras de sementes e plantas de viveiro son as persoas físicas ou xurídicas que exercen profesionalmente, en relación coas sementes e plantas de viveiro, algunhas das actividades de produción, almacenaxe, importación e comercialización ou posta no mercado. Poden ser produtores obtentores, seleccionadores ou multiplicadores.
Son sementes os elementos que, botánica ou vulgarmente, se designan con este nome e cuxo destino é o de reproducir a especie ou establecer cultivos, así como os tubérculos, bulbos e outros órganos e material vivo que se utilicen con tales fins.
Son plantas de viveiro as plantas enteiras e partes de plantas destinadas ao establecemento de plantacións, así como os materiais vexetais non incluídos na definición de sementes e que se utilicen para a reprodución ou multiplicación, incluídos os clons.
As iniciativas empresariais que queiran ser autorizadas como produtoras de sementes e plantas de viveiro deberán cumprir unha serie de requisitos de carácter xenérico segundo a categoría de produtor á que queiran acceder. Ademais, deberán cumprir os requisitos específicos segundo os regulamentos técnicos das diferentes especies ou grupos de especies.
Todos os produtores de sementes e plantas de viveiros deben ser autorizados pola Comunidade Autónoma de Galicia, sendo obrigatoria a inscrición en diversos rexistros segundo o tipo de actividade.
Realizado este proceso, poderase exercer a actividade, o cal non exime do cumprimento doutros aspectos relacionados co marco normativo e sectorial de referencia.
Lei 30/2006, do 26 de xullo, de sementes e plantas de viveiro e de recursos fitoxenéticos.
Real decreto 1891/2008, do 14 de novembro, polo que se aproba o rexistro dos produtores de sementes e plantas de viveiro e a súa inclusión no Rexistro nacional de produtores.
Real decreto 170/2011, do 11 de febrero, polo que se aproba o Regulamento xeral do Rexistro de variedades comerciais e se modifica o Regulamento xeral técnico de control e certificación de sementes e plantas de viveiro.