Inicio
Actualidade

Ao día!

12/09/2023

A biotech luguesa especialista en biomateriais implantables

Comparte este artigo

A empresa iBoneLab posicionouse a nivel internacional como laboratorio experto en probar e avaliar o comportamento de implantes para o seu uso en tecidos vivos, con aplicación en campos como a odontoloxía ou a traumatoloxía

iBoneLab nace en novembro de 2019 como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela grazas ao coñecemento e experiencia do grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria do Campus de Lugo. O seu labor é ofrecer servizos de I+D a empresas e institucións públicas, tanto nacionais como internacionais, nos campos da biomedicina e os biomateriais. “Ofrecemos a análise da resposta dos organismos vivos fronte a eses biomateriais, utilizando distintas técnicas, como a análise histolóxica de ´lámina delgada´, a histomorfometría ou a microtomografía, entre outras”, explica María Permuy Mendaña, investigadora e unha das promotoras da iniciativa. “En xeral, ás empresas, aínda que sexan moi grandes, non lles compensa ter un laboratorio como o noso dentro das súas instalacións, xa que conleva un investimento importante en equipamento e persoal especializado, sendo máis rendible para eles a subcontratación destes servizos. É aí onde entramos nós”, continúa.

A ´lámina delgada´ é unha técnica histolóxica que permite procesar calquera material (xa sexa biolóxico ou non) independentemente da súa dureza para despois poder observalo ao microscopio. Dese xeito, pódese ver a resposta dos tecidos cando se coloca ese implante e permite valorar que material é mellor en cada caso. “A vantaxe é que tecidos duros do organismo, como son os ósos e os dentes, e calquera material implantado neles, como podería ser un implante de titanio, pode procesarse mediante esta técnica e observar as súas características ao microscopio, dando por exemplo resultados en canto á súa biocompatibilidade cos tecidos”.

Actualmente máis do 90% da facturación de IBoneLab é internacional e traballan con empresas privadas e institucións públicas de España, Portugal, Francia, Suíza, Noruega, Bélxica, Israel, Canadá, Estados Unidos, Austria, Italia ou Irlanda, entre outros. Dentro dos campos da biomedicina están centrados no estudo de biomateriais destinados ao seu uso en odontoloxía, traumatoloxía ou cirurxía de columna.

iBoneLab supón ademais un caso de éxito de transferencia de coñecemento da universidade ao mercado. “Temos a sorte de contar co apoio de varias institucións, como a propia Universidade de Santiago, o Concello de Lugo, que nos albergou nas súas instalacións do CEI-Nodus, ou a Axencia Galega de Innovación. A experiencia foi boa, pois a creación da empresa facilitounos a estabilización do persoal investigador e técnico, así como a posibilidade de abrirnos de maneira áxil ao mercado”, comenta.

Recentemente, foron beneficiarios da convocatoria da Xunta para apoiar os plans de negocio de empresas tecnolóxicas que fosen avaliadas positivamente no programa estatal Neotec, do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) pero que non obtivesen financiamento por insuficiencia de crédito. “Aínda que temos optimizada a técnica para conseguir preparacións histolóxicas de calidade, a análise posterior require moitas horas de traballo para poder chegar a cuantificar os resultados. Coa axuda que nos concedeu a Axencia Galega de Innovación estamos a desenvolver un software de análise de imaxe histolóxica mediante intelixencia artificial. O que se persegue é poder analizar as imaxes dixitalizadas das mostras que procesamos no laboratorio de maneira o máis automática posible. Coa colaboración de investigadores do Citic da Universidade da Coruña, estamos ´a ensinar´ ao programa a recoñecer os tecidos que se poden ver nas preparacións, de forma que se poida automatizar a análise. Esta automatización esperamos que nos permita, ademais do aforro de tempo, unha maior precisión dos resultados”, detalla.

Na actualidade, está en fase de construción unha nova sede de iBoneLab no polígono empresarial de As Gándaras de Lugo, que lles permitirá ampliar as súas instalacións e ofrecer novas solucións tecnolóxicas dentro do seu campo. “Para nós o máis importante é tentar divertirnos no noso traballo e achegar solucións técnicas a problemas reais das empresas. Como a maioría dos nosos clientes veñen do estranxeiro, fainos especial ilusión ensinar a nosa cidade aos investigadores que veñen de fóra, aos que sorprendemos gratamente”, conclúe.

Tamén pode interesarche