Ao día!
Blue Marine Oil, revalorizando os subprodutos da pesca a través da economía circular
A historia de Blue Marine Oil comezou cun match durante o programa Biomanaging Day organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial de Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), orientado á xeración de novos contactos entre emprendedores biotecnolóxicos e profesionais de perfil directivo.
Foi así como se coñeceron e conectaron, nun encontro de sete minutos, Juan Fernández, empresario, biólogo e experto en ozonización de aceites vexetais, e Tomás de la Calzada, licenciado en Dereito e Empresariais cunha longa traxectoria en dirección de empresas de perfil biotecnolóxico e científico.
Tomás integrouse na empresa de Juan como director de innovación e desenvolvemento de negocio da compañía e, ao pouco tempo, percibiu que a tecnoloxía de ozonización de aceites vexetais (en proceso de patente e diferencial porque permite obter ingredientes con gran estabilidade e propiedades bactericidas e antioxidantes) era moi interesante para utilizar con aceites mariños.
“O obxectivo é contribuír á solución de dous grandes retos que ten a acuicultura: a optimización do custo da alimentación dos individuos en proceso de cría e engorde e a redución do risco de que estes peixes contraian infeccións bacterianas ou microbianas, favorecendo desta forma, tamén, a redución de uso de antibióticos”, explica Tomás de la Calzada. Con esta idea de negocio, ambos fundaron en 2022 Blue Marine Oil.
Impulso da Business Factory Food
Blue Marine Oil participa na fase de aceleración da IV edición da Business Factory Food, a aceleradora do sector alimentario de Galicia impulsada pola Xunta e dinamizada pola Agrupación industrial Alimentaria (Clusaga). Xunto co impulso económico que supón para o proxecto, unha das principais motivacións que os levou a presentarse foi o apoio das empresas tractoras. De feito, contan coa mentorización de Nueva Pescanova, con quen están traballando nun proxecto de rexeneración de aceites usados para precociñados de produtos do mar co obxectivo de convertelos en solucións solubles para previr ou curar infeccións en rodaballos en proceso de cría.
Ademais, a participación no programa de aceleración tamén provocou que a compañía buscase como mellorar a súa proposta de valor e posicionamento. “Queriamos chegar á orixe, ao descarte e subproduto da pesca e, por iso, posicionámonos na tecnoloxía do ensilado. O obxectivo é desenvolver produtos de alto valor engadido xa non só para a acuicultura, senón tamén para a gandería, a alimentación de mascotas ou mesmo para o sector dos suplementos alimenticios. Tamén queremos ofrecer servizos de implantación de modelos de economía circular para empresas que xeran estes subproductos ou descartes”, detalla Tomás de la Calzada.
Actualmente Blue Marine Oil está a pechar acordos con diferentes empresas, tanto en España, como noutros países, coa idea de contar no primeiro semestre de 2023 coas súas primeiras plantas de produción xa en funcionamento.