Ao día!
Enterprise Europe Network, a rede internacional de apoio ás pemes
A Enterprise Europe Network (EEN) está considerada a rede de apoio máis grande do mundo para pequenas e medianas empresas con ambicións internacionais. Trátase dunha iniciativa da Comisión Europea creada no 2008 para axudar ás pemes a ser máis competitivas mediante o desenvolvemento da súa capacidade innovadora e o acceso a novos mercados. A súa principal función é conectar ás empresas ou entidades innovadoras que buscan socios internacionais con outras entidades de máis de 50 países, incluídos os da Unión Europea.
A Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia participa na EEN a través do consorcio EEN-GalacteaPlus, formado por entidades de Asturias, Cantabria, Castela e León e Galicia. Trátase dun consorcio integrado por 10 socios con ampla experiencia na provisión de servizos a empresas.
Quen compón a rede?
A rede reúne a numerosos expertos de organizacións recoñecidas pola súa excelencia no apoio empresarial, entre as que se inclúen polos de tecnoloxía, organizacións de apoio á innovación, universidades e institutos de investigación, organizacións rexionais de desenvolvemento ou cámaras de comercio e industria.
Os equipos de expertos que forman a rede en cada organización membro ofrecen servizos personalizados ás empresas. Son profesionais que coñecen a contorna local e teñen contactos para oportunidades tecnolóxicas e comerciais en todo o mundo.
Ademais, a rede tamén pode ofrecer un enfoque específico dirixido a un sector empresarial concreto, xa que os seus grupos de expertos cobren todos os sectores económicos clave, desde a sanidade ata a agroalimentación, pasando pola enerxía intelixente ou a moda e o téxtil.
Que servizos ofrece?
Os servizos que ofrece van desde a resposta a unha dúbida sobre o ámbito de negocios europeos, ata servizos de valor engadido como o fomento da cooperación empresarial, a internacionalización ou o fomento da innovación mediante a transferencia de tecnoloxía e a participación en proxectos de I+D+i. Todos eles teñen carácter gratuíto.
Ademais, a EEN xera e difunde anualmente máis de 10.000 propostas de cooperación a través da súa base de datos de oportunidades de cooperación tecnolóxica e empresarial. Con tan só cubrir un formulario, as empresas interesadas reciben periodicamente información sobre ofertas/demandas tecnolóxicas, búsquedas de socios para proxectos internacionais ou eventos que se organizan no marco da EEN.
Desde a Axencia Galega de Innovación tamén se ocupan de axudar ás entidades que desenvolveron unha tecnoloxía, produto ou proceso e buscan socios interesados a publicar a súa oferta na base de datos da Enterprise Europe Network. Doutra banda, se a entidade identifica unha necesidade tecnolóxica ou quere atopar provedores tecnolóxicos tamén publican a súa demanda, do mesmo xeito que se están a preparar unha proposta para un programa europeo de I+D+i e necesitan incorporar socios con perfís concretos.
Finalmente, cabe destacar que a rede ten entre os seus obxectivos axudar ás empresas para aumentar a súa resiliencia e apoia ás pemes na súa transición cara a modelos de negocio máis sostibles e dixitais.
Como podo unirme?
As empresas individuais non poden converterse en membros da rede, pero si poden gozar dos moitos servizos que se ofrecen. En Galicia poden canalizar as súas necesidades a través da Axencia Galega de Innovación e da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG).
Ademais, a Axencia Galega de Innovación elabora periodicamente un boletín con información sobre convocatorias, noticias, eventos e búsquedas de socios relacionadas con programas europeos de I+D+i no que poden darse de alta todas as persoas interesadas enviando un correo á dirección: informa.gain@xunta.gal