Ao día!
Puntogal, o apelido que nos identifica como galegos na rede
Galicia ten un dominio propio en internet. O “.gal” identifícanos como comunidade nun mundo global, visibilízanos, xera oportunidades e dános voz na rede.
O dominio está xestionado pola asociación sen ánimo de lucro Puntogal, que traballa cun triplo obxectivo: a expansión do dominio, a representación de Galicia nos foros internacionais da rede e o apoio a iniciativas relacionadas coas TICs.
A asociación naceu en 2006 co obxectivo fundacional de presentar unha candidatura perante a Internet Corporation for Assigned Names and Numbers (ICANN) para solicitar un dominio para a lingua e a cultura galegas. Durante os primeiros anos, o principal labor de Puntogal foi conseguir o apoio e presentar a documentación necesaria para a solicitude do dominio ante a organización pública sen ánimo de lucro que se dedica a xestionar a asignación de nomes de dominio de primeiro nivel e de direccións IP a nivel mundial.
O presidente da entidade, Manuel González, explica que Puntogal “é o espazo común dos galegos na rede, un apelido que nos identifica. Nós consideramos que é unha marca da calidade e de bo facer”.
A día de hoxe a entidade ten conseguido máis de 6.700 dominios rexistrados e, o que é máis importante, unha taxa de renovación superior ao 85%, o que demostra que contan coa confianza dos usuarios. Puntogal traballa con rexistradores acreditados pola ICANN. Desde 2014 o acceso a un dominio “.gal” é libre, calquera persoa, empresa ou entidade que o desexe pode rexistrar un “.gal”, cumprindo as políticas de rexistro que se poden atopar en https://dominio.gal/como-gal/.
Vantaxes competitivas para as empresas
O dominio “.gal” leva o nome de Galicia á rede e permite que a lingua e a cultura galegas gañen en proxección e en visibilidade, e tamén ofrece vantaxes competitivas para o tecido empresarial e emprendedor galego.
- Facilita que se poidan valer dunha marca única e propia.
- Identifica mellor ao cliente galego, destacando a proximidade física e cultural.
- Permite asociar os produtos e servizos galegos cos valores positivos que xa ten a Marca Galicia en todo o mundo.
- Os buscadores atopan mellor os contidos nas webs.
- Posibilita a visibilidade e o aumento do tráfico das páxinas en galego.
Para poder conseguir un dominio tan só é preciso solicitalo a través dun dos rexistradores autorizados, cuxa consulta pode facerse en https://dominio.gal/rexistradores/.
Programa corporativo
Ademais da xestión integral do dominio, a asociación Puntogal conta cun programa corporativo de soporte, colaboración e patrocinio de actividades e iniciativas que poñan en valor a lingua, a cultura e a tecnoloxía en Galicia.
Como exemplo destas accións, está o certame de relatos organizado coa Real Academia Galega, as escolas de fútbol gaélico, o respaldo á creación de contidos en galego no ámbito das novas tecnoloxías ou os premios Spin-Off de innovación, así como o apoio ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo, entre outros.
Os premios Spin-off PuntoGal xurdiron como colaboración co xornal dixital GCiencia e teñen como obxectivo o recoñecemento do papel das universidades públicas como motor da investigación no país. O xurado ten en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, saliéntanse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía.
Tamén colaboran activamente co Clúster da Comunicación en actividades que apoian a marcas galegas, mediante os Premios Paraugas, e forman parte do Clúster TIC de Galicia.
Representan a nosa Comunidade nos foros que xestionan internet a nivel internacional, formando parte dos GeoTLD Group (grupo de dominios xeográficos), da RySG (que agrupa a rexistros e rexistradores), nas reunións e congresos da propia ICANN e sendo a primeira empresa galega que forma parte da Global Cyber Alliance.
Dentro das actividades que desenvolven hai tamén unha parte de labor divulgativo sobre o uso das tecnoloxías, por exemplo no ámbito da ciberseguridade, mediante a Alianza Mundial de Ciberseguridade (GCA) e formando parte do Ciber.gal.