Inicio
Actualidade

Ao día!

05/10/2022

Galicia TurisTIC, o primeiro Centro de Servizos Avanzados do sector turístico

Comparte este artigo

O seu obxectivo é dotar de ferramentas precisas aos promotores de contidos innovadores e novas solucións nos proxectos TIC vinculados ao turismo

Galicia TurisTIC é o primeiro Centro de Servizos Avanzados de turismo e tecnoloxía de Galicia e nace coa intención de ser un espazo de servizos compartidos para as administracións públicas e o tecido empresarial e emprendedor de Galicia. Está impulsado polo Clúster TIC Galicia e liderado por Dos Espacios Internet Consulting, socio principal de Galicia TurisTIC.

A Xunta de Galicia lanzou o programa para a creación de novos centros de aplicación avanzada co propósito de poñer en marcha espazos de innovación abertos e de uso compartido, dotados do equipamento tecnolóxico preciso para o seu uso por parte de toda a cadea de valor de sectores especializados, neste caso o turístico.

A día de hoxe estanse a impulsar seis centros e vén de aprobarse unha segunda convocatoria para a creación de novas instalacións deste tipo, que impulsen a competitividade dos sectores estratéxicos da economía galega e do tecido empresarial.

A infraestrutura de Galicia TurisTIC dispón dunha superficie total de 285 metros cadrados, divididos en 100 metros para laboratorios (realidade aumentada, realidade virtual, big data, impresoras 3D, sensórica, photogrammerty set...) e 185 metros para demostracións, formación multidisciplinar e networking. O primeiro Centro de Servizos Avanzados do sector turístico atópase emprazado en Vilagarcía de Arousa, nas inmediacións do Porto, e conta con excelentes comunicacións coa autopista do Atlántico.

O orzamento do proxecto ascende a un total de 372.000 euros (cofinanciados ao 80% pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica –Igape– e ao 20% por Galicia TurisTIC/Dos Espacios Internet Consulting).

O seu gran obxectivo é dotar das ferramentas precisas aos promotores de contidos innovadores e novas solucións nos proxectos TIC para mellorar os produtos e servizos xa existentes no mercado e xerar outros que ata o de agora non eran posibles pola falta dun espazo destas características onde impartir formación, experimentar e trazar alianzas empresariais na procura de aumentar e mellorar a actual oferta. O sector público ten ao seu dispor un espazo que pode empregar como banco de probas e aproveitar as solucións aquí desenvolvidas para incorporalas aos seus servicios en beneficio da cidadanía.

Desde a súa inauguración o 3 de maio de 2022, a actividade principal de Galicia TurisTIC foi o deseño e xestión da I Aceleradora de Empresas Turísticas da Xunta de Galicia, impulsada pola Axencia Turismo de Galicia. Ademais, o Centro alberga un Laboratorio Maker permanente da Mancomunidade do Salnés, no marco dun proxecto europeo NovaTFE; acolleu diversas accións formativas promovidas pola Mancomunidade do Salnés e pola Asociación de Jóvenes Empresarios de Vilagarcía de Arousa, así como demostracións a empresas e administracións. Tamén presta asesoramento ás empresas e xa ten posto en marcha os primeiros laboratorios.

Centro de confluencia das TIC co turismo

O centro nace cun obxectivo claro; o de fomentar a creación de produtos, servizos e empresas de base tecnolóxica na cadea de valor da industria turística galega. En concreto, Galicia TurisTIC representa a confluencia da tecnoloxía e das TIC co turismo.

Un dos sectores que maior peso terá dentro do programa de formación e das solucións a aplicar será o turismo. Ademais, os proxectos promovidos estarán enfocados principalmente a proxectos de smart cities e destinos turísticos intelixentes, á sensorización medioambiental, sistemas de conteo e xestión de fluxos de persoas e vehículos ou seguridade, que tamén se poderán implementar noutras áreas das administracións públicas. Do mesmo xeito, as súas portas están abertas ás entidades públicas e ás empresas privadas que o soliciten, tanto para o desenvolvemento de actuacións como para a formación. Desde o centro prestarase especial atención aos proxectos de aceleración de talento emprendedor e startups.

De cara ao futuro a folla de ruta de Galicia TurisTIC fixa continuar avanzando na dotación de equipamentos e tecnoloxía para os laboratorios e avanzar en novas propostas para impulsar o emprendemento innovador no eido turístico. “Queremos impulsar proxectos que permitan que Galicia TurisTIC se posicione como un centro punteiro en tecnoloxía e innovación con aplicacións diferenciais no sector do turismo e que o tecido empresarial do sector nos teña en conta como centro de referencia no relativo á innovación”, explican desde Dos Espacios Internet Consulting.

Tamén pode interesarche