Ao día!
Economía circular, aposta por un novo modelo produtivo
A finais do ano 2019 o Consello da Xunta aprobou a Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030. Con este documento a Xunta de Galicia quere impulsar un cambio na próxima década que permita substituír o noso sistema económico e produtivo liñal por outro máis eficiente e racional, baseado na recuperación de materiais.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixou o obxectivo de dotar a Galicia da súa propia estratexia de economía circular, co fin de desenvolver o marco establecido pola Unión Europea, adaptándoo ás súas peculiaridades económicas, sociais, naturais, produtivas e enerxéticas, comportando non só beneficios ambientais asociados á correcta xestión dos residuos, á protección do solo, das augas, do aire, ou do clima, senón que proporcionará igualmente beneficios económicos e sociais asociados.
É necesario un cambio de modelo económico que permita o desenvolvemento de procesos produtivos e de consumo máis eficientes que atendan ás necesidades da sociedade e ao mesmo tempo manteñan o necesario equilibrio co nivel de recursos naturais dispoñibles. Neste senso, a economía circular é unha alternativa atractiva e viable que xa comezaron a explorar empresas, cidadáns e gobernos.
Os principios básicos para a transición cara a economía circular son os 3Rs (redución, reutilización e reciclaxe) xunto coas estratexias de deseño sostible (EDS) e en liña cos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2021-2027 (RIS3). Os conceptos Multi-R, como repensar, redeseñar, reducir, reutilizar, reparar, refabricar, preciclar, reciclar, recuperar, redistribuír, etc., deben orientar a forma de levar á práctica a economía circular.
Os eixes claves na Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030 son: ecodeseño, actividades e modelos de servizo, accións no ámbito da educación e sensibilización, sector industrial, produción de alimentos, urbanismo e construción, xestión do ciclo da auga e xestión de residuos.
Nova liña de axudas
No marco do plan para desenvolver a economía circular, a Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) creou unha nova liña de axudas para pequenas e medianas empresas (pechada actualmente) co obxectivo de implantar solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular.
O programa buscaba promover proxectos, individuais ou colectivos, centrados, entre outros, na instalación de sistemas de medición de parámetros produtivos ambientais; de hardware e software intelixente para a optimización dos recursos; ou na adquisición de nova maquinaria para reemprego ou reciclaxe de residuos.
A axuda era do 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e do 25% para as medianas. O importe máximo de subvención foi de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.