Inicio
Ao día

Ao día!

30/03/2023

Entrevista a Rocío Mosquera Álvarez, presidenta do Clúster Saúde de Galicia

Comparte este artigo

A Silver Economy ofrece un novo campo de oportunidades para Galicia”

Como rexión de referencia europea en innovación sanitaria para un envellecemento activo e saudable, abordamos con Rocío Mosquera, presidenta do Clúster Saúde de Galicia (CSG), as oportunidades da comunidade no desenvolvemento de solucións e testeo vinculadas á saúde, así como a fortaleza do sector biotecnolóxico galego.

O envellecemento activo e saudable é un dos retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia. Como nos podemos posicionar neste campo?

A situación demográfica prevista para Europa en 2050 é xa un feito na nosa rexión con máis do 25% da poboación maior de 65 anos. Contamos cun ecosistema de entidades públicas e privadas traballando en conxunto para achegar solucións ás necesidades do sector sénior. Galicia foi recoñecida como rexión de referencia no envellecemento activo e saudable por Europa coa máxima cualificación, por tanto, podemos dicir que xa estamos posicionados e que dispoñemos dun contexto idóneo para pilotar solucións locais, nacionais e internacionais.

Que oportunidades implica para Galicia a Silver Economy?

Ofrece un novo campo de oportunidades non só no ámbito da saúde, senón tamén noutros sectores como o turístico, deporte, hábitat e mesmo o financeiro. Desde o CSG estamos involucrados en varios proxectos relacionados con este concepto: realizar un mapeo dos produtos e servizos dirixidos ao sector Silver a nivel europeo, desenvolver unha guía para a adopción e escalado de solucións tecnolóxicas ou de base dixital e creación dunha rede de Living Labs baseada nun protocolo focalizado no testeo de atención centrada na persoa xunto a indicadores de benestar.

Galicia foi pioneira na colaboración público-privada en innovación sanitaria. Cales foron as claves?

Foron o desenvolvemento dunha estratexia de implementación consensuada e compartida cos diferentes grupos de interese, xunto coa implementación do proceso de compra pública innovadora no sector sanitario, a través de dous proxectos europeos InnovaSaude e Hospital 2050. O clúster actúa de canle de comunicación entre os reguladores, a industria e os usuarios para poder comunicar as necesidades destes últimos aos primeiros.

O biotecnolóxico é un sector fundamental no novo modelo económico. Que retos ten o CSG neste sentido?

Tal e como se describiu na Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico de Galicia, na cal participa activamente o clúster, os retos prioritarios céntranse nas novas tecnoloxías para desenvolver a medicina 5P: Personalizada, Preditiva, Preventiva, Participativa e Poboacional.

A investigación e a innovación avanzan a velocidades sen precedente, sobre todo nas terapias avanzadas: xénica, celular e tisular. A aparición destes novos fármacos require a adaptación dos nosos sistemas sanitarios para facelos sostibles e garantir que todos os pacientes que se poden beneficiar deles teñan acceso aos mesmos.

Nos últimos anos xurdiron novas empresas e entidades xeradoras de coñecemento ao redor da innovación aberta para o descubrimento de fármacos e produción de vacinas, exacerbado pola pandemia. Iso está a xerar a confianza de entidades investidoras a pesar de que os tempos de investigación ata chegar aos pacientes son sempre moi longos, unha media de 10 anos.

Cal é o impacto dos Living Labs na innovación sanitaria de Galicia?

Ofrecen un contexto de testeo e pilotaxe real de vida en colaboración co sistema sanitario e/ou socio sanitario, sendo unha oportunidade única de co-creación e de probas de concepto de alto valor engadido. Así se produce unha valoración rápida pero rigorosa sobre as posibilidades de éxito da innovación. A estandarización de protocolos, indicadores e informes permite a reproducibilidade dos resultados e a súa escalabilidade.

Lonza ou Indukern están a apostar por Galicia. Que condicións ofrece a nosa Comunidade?

Ofrece facilidades para novas entidades e/ou novas liñas estratéxicas e conta co apoio de dúas axencias de innovación (Axencia de Coñecemento en Saúde e Axencia Galega de Innovación) así como un completo mapa de axudas de financiamento. Ademais, o ecosistema de saúde e académico galego ten unha canteira de talento que podería ser de interese para o aumento de oportunidades do sector na rexión.

Que peso ten a dixitalización na estratexia do CSG?

O CSG recoñece a importancia da transformación dixital no cambio de paradigma tanto do sistema sanitario como do sector socio sanitario. Por iso apostou como socio fundador de DATAlife e lidera o nodo de saúde e coidados do Dixital Innovation Hub (DIH) galego, único recoñecido polo Ministerio e con financiamento europeo. Ademais, desde o CSG participamos en proxectos europeos cun enfoque no mapeo e testeo de solucións tecnolóxicas. Unha parte importante dos nosos asociados son compañías tecnolóxicas especializadas no sector.